Sobre min

E ti de quen vés sendo? Chámome Duarte, estudo Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e boto o día fedellando en trebellos electrónicos. Se a iso lle sumamos a miña afección pola aeronáutica, temos un caldo de cultivo perfecto para que xurda Anduriña FPV!

De que vai isto? Debo mencionar que empregarei o blog a modo de pasatempo, para escapar un pouco da rutina da universidade. Nel pretendo tratar todos os coñecementos que vou adquirindo sobre os drons e o FPV. Tamén tratarei outros temas relacionados coa electrónica e robótica, desde pequenos proxectos e aplicacións realizadas con Arduino ata outros artefactos electrónicos de todo tipo que poida montar.

E por que en galego? A razón para min é sinxela. Aínda que noutros idiomas puidese ter maior alcance, penso que é un tipo de contido distinto e complicado de atopar nesta lingua. Con el pretendo aportar tamén o meu granciño de area para mimala e coidala. Estás de acordo?

Algunha cousa máis? Ademais dos drons de carreiras teño outras afeccións. O meu deporte predilecto é o mountain bike, deporte no que competín na disciplina de descenso e para o que agora teño menos tempo do que me gustaría. Outro hobby que tamén practico é o Airsoft, un entretemento no que levo pouco tempo pero que sen dúbida me está a enganchar moito! Quizais algún día relacione os drons con estas actividades… Queda a descubrilo!

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: